Trátase dunha iniciativa da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades que ten como obxectivo o impulso da innovación tecnolóxica por parte do alumnado de Formación Profesional e a transferencia de coñecemento aos sectores produtivos.
O programa, enmarcado na Estratexia de FP Galicia 2030 e no Plan Innova FP Galicia, desenvolverase entre o presente curso 2023-24 e o próximo 2024-25, ao longo dos cales mobilizaranse máis de 2.000 alumnos e 400 profesores de 100 centros de FP, o que suporá un investimento de 1,5M€ neste período.
InnovaTech FP está dirixido a centros públicos de Formación Profesional con dinámica de investigación, innovación e emprendemento, e que contan con viveiros de empresas ou aulas de emprendemento. Agora ponse en marcha a primeira fase do programa coa convocatoria deste curso para un total de 85 centros educativos, que dispoñen de prazo ata o día 22 deste mes para conformar os equipos que traballarán na resolución dos retos. Nel pode participar alumnado de FP e persoas egresadas nos últimos dous anos de todos os centros públicos dependentes da Consellería.