Os gobernos de España, Francia e Portugal acordaron substituír o proxecto do Midcat, o gasoduto inacabado que une a península Ibérica con Francia polos Pireneos, por un corredor de enerxía verde que conectará Barcelona con Marsella e que permitirá transportar hidróxeno verde pero tamén gas durante un período de transición. Os detalles dese futuro corredor verde negociaranse os próximos días 8 e 9 de decembro no marco do EuroMed.
Así o anunciou o xefe do Executivo español, Pedro Sánchez, tras o encontro que mantivo en Bruxelas co presidente francés, Emmanuel Macron, e o primeiro ministro portugués, António Costa, de forma previa ao Consello Europeo no que os Vinte e sete tratarán de superar as súas diferenzas para poñer freo aos altos prezos do gas.
«Chegamos a un acordo os tres gobernos para substituír o MidCat por un novo proxecto: un corredor de enerxía verde que vai unir a península Ibérica con Francia e co resto da Unión Europea (UE)», destacou Pedro Sánchez en declaracións aos medios.