Activa unha alerta laranxa por temporal costeiro en todo o litoral galego

1 minutes read

Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), dende a tarde deste xoves terá lugar un fenómeno meteorolóxico adverso costeiro de nivel laranxa por mar combinada do noroeste con ondas de ata 7 metros, podendo acadar no suroreste da Coruña e na provincia de Pontevedra vento no mar do noreste con forza 7. No litoral de Pontevedra o aviso será de nivel amarelo por mar combinada do noroeste con ondas de 4 a 5 metros.

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.

A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes, paseos marítimos. Tamén se recomenda que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.