Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o fenómeno meteorolóxico adverso estará activo ao noroeste da Coruña e na Mariña lucense e estenderase a primeiras horas da xornada ao oeste do litoral coruñés con mar combinada do noroeste e ondas de ata 8 metros e ocasionalmente con ventos de forza 8 e ata 74 quilómetros por hora. Ademais, a medida que avance o día o nivel de alerta laranxa afectará tamén ao suroeste da Coruña e á provincia de Pontevedra, tanto ás Rías Baixas como á zona do Miño.
Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.
Lémbrase a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.