Galicia ten activada a aplicación de rastrexo Radar Covid impulsada polo Goberno central e operativa en catorce autonomías. A ferramenta, similar á que se puxo en marcha en Alemaña ou Italia, avisa se a persoa usuaria do teléfono estivo preto dalgún caso positivo en coronavirus.
A aplicación Radar Covid emprega a conexión Bluetooth dos terminais para detectar contactos estreitos de casos confirmados de covid-19, recoñecendo os dispositivos que estiveron a menos de 2 metros de distancia nos 14 días anteriores e durante máis de 15 minutos. Cando unha persoa é diagnosticada de covid-19 pode alertar de maneira anónima a través da aplicación cun código alfanumérico que lle proporcionarán as autoridades sanitarias. A App enviará unha alerta anónima a todos os seus contactos estreitos, alertándoos de que estiveron en contacto cun positivo e facilitándolle as instrucións necesarias para que saiban como actuar.