Activada para este luns unha alerta laranxa por temporal costeiro nos litorais da Coruña e Pontevedra

Co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a  Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, informou da situación a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia aos concellos das provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.

Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o fenómeno meteorolóxico adverso estará activo mañá desde primeiras horas da mañá. Agárdase vento do sur ou suroeste de forza 8 e mar combinada do suroeste con ondas de cinco metros.

Debido á alerta laranxa, a Secretaría  Xeral para o Deporte da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes anunciou a suspensión da actividade deportiva no mar, tanto federada como do programa Xogade, nos concellos afectados segundo as previsións dos órganos preditores, e que se poden consultar na web Deporte Galego.

Lembran a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.

Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.

Related posts

Sorteados na Laracha os regalos da terceira edición do programa «Agasalla comercio local, ten premio»

Telefónica asinou un acordo con OpenAI para ofrecer ChatGPT Plus aos clientes de Movistar

Ponteceso avanza na creación dun novo aparcadoiro na avenida Anllóns