Co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, informou da situación a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia aos concellos das provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.
Por este motivo, a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, tamén anunciou desde a Secretaría Xeral para o Deporte a suspensión da actividade deportiva do programa Xogade e federada no mar nos concellos afectados. En concreto, no litoral da Coruña a suspensión abarca das 09,00 horas do martes ás 05,00 horas do mércores e na costa de Pontevedra desde as 12,00 horas do martes ata as 10,00 horas do mércores.
Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o fenómeno meteorolóxico adverso estará activo desde este martes pola mañá no noroeste e oeste da costa coruñesa estendéndose pola tarde ao suroeste do litoral da Coruña e a toda a costa de Pontevedra. Agárdase vento do sur con ata forza 8 e mar combinada do suroeste con ondas de ata seis metros.
Lémbrase a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.
Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.