Activada para este xoves unha alerta laranxa por temporal costeiro en todo o litoral galego

1 minutes read

A  Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, informou da situación a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia aos concellos das provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.

Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o fenómeno meteorolóxico adverso estará activo desde a madrugada do xoves no litoral da Coruña, e desde primeiras horas da mañá nos de Pontevedra e Lugo. Agárdase mar combinada de oeste e noroeste con ondas de ata sete metros e vento do sur ou suroeste de ata forza oito.

Debido á alerta laranxa, segundo as previsións dos órganos preditores, a Secretaría  Xeral para o Deporte da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes anunciou suspensións de actividade deportiva Xogade e federada no mar na xornada de mañá nos concellos da costa oeste da Coruña a partir das 03,00 horas, nos da costa noroeste desta provincia a partir das 05,00 horas, e nos da costa suroeste da Coruña, das Rías Baixas e da zona Miño de Pontevedra a partir das 06,00 horas. No caso da Mariña de Lugo a suspensión comeza as 09,00 horas.

A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.

Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.