Activado un servizo de consulta telemática dos expedientes de aproveitamentos madeireiros

PIXABAY

Esta nova ferramenta posibilita que as empresas e profesionais interesados poidan conectar os seus propios sistemas á aplicación Corpu-coa que se xestionan as cortas públicas de madeira-, para obter automaticamente toda a información dispoñible.

Deste xeito, os usuarios non só evitarán ter que consultar manualmente os datos habilitados en Corpu, co conseguinte aforro de tempo e incremento da seguridade, senón que calquera cambio no estado da tramitación destes expedientes notificaráselles ao instante, evitando así erros ou omisións na tramitación que poidan ter un custo económico para os administrados. Así, tras un sinxelo sistema de alta -basta con cursar unha solicitude á Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal- e despois dunha doada adaptación da súa aplicación informática, calquera usuario que o desexe disporá da información pública e tamén daquela restrinxida que lle afecte directamente.

En concreto, a información que se ofrece vai desde os datos principais do expediente (lote, concello, monte, estado do expediente, etc.) ata os datos de contabilidade relacionados (importes de adxudicación, do IVE, etc.), pasando polas diferentes datas, prazo de execución e outras referencias ata un total de 150 parámetros distintos que completan a información dos aproveitamentos máis complexos.