Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), a partir deste sábado pola tarde dará comezo un fenómeno meteorolóxico adverso costeiro de nivel laranxa que afectará ao noroeste do litoral da provincia da Coruña. Agárdase vento do suroeste de forza 8 que irá rolando a noroeste a partir da medianoite e ata últimas horas da madrugada. Ademais, o resto da costa galega estará en alerta amarela por ventos de forza 7 e ocasionalmente 8 e mar combinada do oeste ou noroeste con ondas de ata 5 metros. Tamén ao longo da tarde practicamente toda a comunidade estará en alerta amarela por precipitacións acumuladas en 12 horas de 40 mm e vento de suroeste con rachas máximas de ata 80 quilómetros por hora.
Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.
Lembrando a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén se recomenda que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.