O Xeoportal de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia é unha nova ferramenta para achegarlle á poboación a máxima información sobre os riscos colectivos e os plans de protección existentes. Trátase dun visor estruturado en distintas áreas -medios, riscos e planificación municipal-, que permitirá o acceso a todos os recursos en materia de protección civil para a súa visualización, edición e descarga.
Esta nova ferramenta divulgativa representa un servizo de transparencia para a cidadanía, que poderá coñecer de xeito sinxelo os mapas de riscos de protección civil e os plans de protección cos que debe contar cada concello. Pola súa banda, as persoas titulares das actividades suxeitas á normativa de autoprotección terán accesibles os datos de riscos externos aos que puidesen estar sometidas, e os servizos de emerxencias disporán de máis coñecemento espacial dos riscos e dos instrumentos de planificación para facerlles fronte. A medida beneficia tamén os concellos, aos que ofrece información de riscos dos plans autonómicos para a elaboración dos seus propios plans municipais.
Canto ás distintas áreas que abrangue, na de medios infórmase de todos os centros de emerxencias. Inclúese así a localización dos centros das forzas e corpos de seguridade do Estado, e da Policía Local e vixiantes municipais, así como dos parques de bombeiros, os Grupos de Emerxencia Supramunicipal e os Servizos Municipais e Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil.
Xa está operativo na seguinte ligazón: https://conselleriadepresidencia.xunta.gal/proteccion-civil-galicia.