Ada Colau, contraria ao uso da ponte aérea

4 minutes read

A alcaldesa de Barcelona, a sempre controvertida Ada Colau, prohibiu expresamente aos seus concelleiros o uso do avión para distancias inferiores a 1.000 km e sempre que haxa unha alternativa ferroviaria inferior ás 7 horas.

Da man da recente declaración de zona de emerxencia climática do mércores 15 de xaneiro e ao albur do interese do primeiro concelleiro da cidade condal de suprimir a ponte aérea de 610 km, existente entre Madrid e Barcelona, desde o ano 1974, xorde esta nova polémica orde. Con esta medida, o Consistorio municipal pretende dar exemplo e servir como modelo de actuación ante a crise climática.

No referente aos datos contaminantes, estes son demoledores. De cambiarse o avión polo tren, o aforro en emisións de CO2 sería dun 90%. A ponte aérea é utilizada anualmente por 2 millóns e medio de persoas e supón a utilización dunhas 300.000 toneladas de gases de efecto invernadoiro.

Segundo datos do Instituto para a diversificación e o aforro de enerxía (IDAE), o avión contamina con 192 gr de CO2 por persoa e km, mentres que o AVE faino con 23 gr, o autobús interurbano con 32 gr e o coche particular 121 gr. Aínda que o autobús tarde 7 horas, e o coche particular (2º na clasificación contaminante) entre 5 e media e 6 horas. Sinalar tamén que ADIF se comprometeu ao uso exclusivo de fontes renovables, co que o uso do AVE implicaría estar aínda máis por baixo no número de emisións contaminantes, chegando a estar cerca da contaminación cero.

O prezo actual do AVE sitúase entre 40 e 152 euros, en espera da próxima implantación do AVE baixo custo (AVLO) que promete reducir o prezo do billete a unhas tarifas entre 10 e 60 euros.

Todo isto entraría na liña de medidas similares que se están empezando a tomar en Europa. Sirva como exemplo Francia e os Países Baixos, onde se optou por evitar voos curtos como os que une Amsterdam( Holanda ) e Bruxelas(Bélxica). Así como o fin de voos de carga entre Maastricht en Holanda e Lieja en Bélxica, cunha distancia de 38 km e 9 minutos de voo.

Con todo, e a pesar do claro beneficio ecolóxico, entre os mentideiros e círculos políticos e tertulianos de cadeas de tv tachouse a Ada Colau de populista, e a súa medida e solicitude de cancelar a ponte aérea de “pose”. Sendo mesmo sinalada por querer estar no epicentro da noticia, buscando máis o efectismo mediático e o que se fale dela con supostos brinde ao sol, que con medidas razoadas e consensuadas.

E é que a eficacia desta proposta é de pouco percorrido. O concello barcelonés non ten competencias neste ámbito e para iso necesita á Generalitat de Cataluña e ao Estado español, interlocutores aos que pretende sentar nunha mesa de debate para a consecución do devandito obxectivo. Onde estes, moi probablemente poñerían sobre a mesa cuestiones de gran calado económico, social, de emprego, etc, que farían difícil a aprobación desta medida no curto e medio prazo.

Segundo o catedrático de Enxeñería ambiental da Universidade Politécnica de Cataluña (UPC), José María Baldasano, as repercusións nas dinámicas da cidade serían altamente negativas. Sinalaba: “….fai falta un plan de adaptación ao cambio climático con planificación estatal e europea, non tanto a nivel local”. Á vez que apuntaba que xa se produciu un traspaso de pasaxeiros co AVE desde o 2008, e que non convén forzar tanto.

De forma paradoxal podíanse interpretar as palabras de Jaume Collboni, tenente alcalde de Barcelona, quen na canle de tv Cuatro, xustificaba a próxima ampliación do aeroporto do Prat no contexto de que as grandes cidades de Europa funcionan como motores económicos, de emprego, etc, e deben estar mellor e máis conectadas. Difícil encaixe entre palabras e feitos, ademais de certo espírito contraditorio.

Sen poñer en dúbida a necesidade de entrar xa con contundencia en medidas destinadas a acoutar a contaminación, así como a substituír as enerxías contaminantes polas renovables. Algo urxente de xeito evidente. Estas deben funcionar de forma global e nun contexto de interrelación. Prohibir a ponte aérea entre Madrid e Barcelona, as 2 cidades máis grandes e importantes de España, poñería en enormes dificultades as potencialidades que marcan estas 2 urbes a todos os niveis. O transvasamento necesario debe ser fluído para que o emprego, turismo, comercio, industria, intercambio de ideas, comunicación, etc, flúa e non as sitúe en desvantaxe con outras cidades de potencialidades semellantes, tanto de Europa como do resto do mundo.

Por tanto, o tan manido “seny” catalán, debe impoñerse. E empezar con medidas que son máis urxentes e á vez, menos custosas en termos de desenvolvemento como nación (España no contexto europeo) e deseñar o control dos voos de menos de 1000km con criterio e sempre acompañado de alternativas reais, económicas e xustas.

ALEJANDRO LUÍS OTERO JAMARDO