Dende o pasado 16 de marzo e ata o 15 de abril permaneceu en exposición pública o borrador da Estratexia Galega de Cambio Climático elaborada pola Xunta e o plano operativo que a desenvolve, uns documentos que deben guiar a acción do Goberno galego na loita contra o cambio climático ata o ano 2050.
ADEGA presentou numerosas alegacións contra o plano operativo, que recolle as accións máis inmediatas, que deben ser realizadas ata o ano 2023, unhas propostas coas que se amosa moi crítica, comezando pola súa escasa operatividade, pois sinala que das 170 medidas que contén, o 60% carecen de orzamento asignado, ficando en simples propostas de estudo.
Mais a entidade ecoloxista denuncia sobre todo que o plan obvia entre as súas actuacións calquera previsión de peche ou limitación da actividade das centrais térmicas de carbón de As Pontes e Meirama e que, en cambio, fai fincapé en medidas de absorción do carbono que pasan pola forestación de espazos na actualidade sen árbores. Esta forestación incluiría a plantación de máis eucaliptos, como xa en moitas ocasións recoñeceu o Goberno galego, que prevé que no ano 2038 haxa 25.000 hectáreas máis desta especie.
Aínda a pasada semana o conselleiro do Medio Rural, José González, afirmou que na última década a superficie ocupada por eucaliptos non creceu en Galicia, sinalando que «é posible a convivencia das diferentes especies nos montes galegos». ADEGA lamenta que as medidas da Xunta contra o cambio climático «non tocan nin o negocio das térmicas nin o de ENCE, que mesmo favorecen»