Adxudicada a redacción do proxecto para a protección do río Ulla en Padrón

1 minutes read

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, adxudicou a redacción do proxecto construtivo para a protección da marxe dereita do río Ulla de cara a minimizar o risco de asolagamento ao seu paso polo concello de Padrón.

Trátase de impulsar as actuacións para reducir o risco de asolagamento neste municipio coruñés, deseñadas por Augas de Galicia no marco do Plan de xestión específico do risco de inundacións para área fluvial do río Ulla e río Sar, declarada de risco potencial significativo de inundacións.

O contrato céntrase no desenvolvemento ao detalle da solución definida no anteproxecto xa redactado por Augas de Galicia, e no que se recollen as actuacións para a protección fronte ao desbordamento do río Ulla na súa marxe dereita, entre a desembocadura da canle de derivación do río Sar e a ponte da estrada N-550.

Nos traballos que se desenvolverán neste contrato proponse a construción dun muro tipo ‘krainer’, que consiste nunha técnica de bioinxeniería baseada en materiais biodegradables. Deste xeito, construirase un muro verde augas abaixo da súa confluencia co río Sar, que acadará unha lonxitude total de 159 metros. Este muro situarase paralelo ao río Ulla pola súa marxe dereita, de modo que o parque contiguo ao leito do propio río quedará protexido por este muro.

Ademais, para permitir o baleirado das augas que puidesen acumularse tras episodios de avenidas e para permitir a correcta drenaxe das augas de escorrentía superficial xeradas polos terreos contiguos cara ao propio muro, na cara deste oposta ao leito dispoñeranse 2 obras de drenaxe nos puntos máis baixos da zona, integradas no propio muro.