Adxudicada a obra de humanización e mellora do espazo público do Tameirón na Gudiña

1 minutes read

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda ven de adxudicar por un orzamento de 106.934 euros a obra de humanización e mellora do espazo público do Tameirón, no concello da Gudiña.

Cun prazo de execución previsto de tres meses, os traballos centraranse na mellora das infraestruturas básicas deste núcleo, para ampliar e arranxar as redes de abastecemento e saneamento. Os traballos continuarán coa humanización e mellora da totalidade do seu espazo público.

Esta intervención xustifícase co fin de dotar ao municipio dun equipamento de infraestruturas mínimo e acorde ás necesidades da veciñanza, para mellorar a súa calidade de vida e benestar ao tempo que se fomenta a conservación.

A execución desta obra cumpre con obxectivos do Plan Hurbe, un programa impulsado pola Xunta no ano 2010 para colaborar economicamente coas entidades locais, que en ocasións non teñen a capacidade económica suficiente que require a execución deste tipo de actuacións.