Adxudicada a rehabilitación do CEIP Fogar de Carballo

CEIP Fogar Carballo

  • Os traballos comezarán a executarse os vindeiros días

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de adxudicar a rehabilitación integral do CEIP Fogar de Carballo cun investimento de preto de millón e medio de euros. As obras realizaranse a través do anticipo de tesourería aprobado no Consello da Xunta para axilizar a licitación das obras con cargo ao superávit de 2018. Os traballos comezarán a executarse os vindeiros días.

As actuacións contempladas na rehabilitación integral do CEIP Fogar inclúen medidas para mellorar a súa eficiencia enerxética. Para iso, colocarase un sistema illante de envolvente continua polo exterior da fachada mediante sistema SATE, mudaranse as fiestras para instalar unhas novas de carpintería de aluminio con rotura de ponte térmica e vidro dobre baixo emisivo, renovaranse as persianas e substituiranse as luminarias por equipos de alta eficiencia enerxética, con equipos de regulación lumínica e detectores de presenza.

Así mesmo, substituirase o material actual de cubrición por panel sándwich nervados de chapa prelacada de aceiro e colocarase illamento térmico na cara superior do forxado do baixo cuberta. Todas estas medidas combinadas suporán un aforro do 52,80% no consumo de enerxía primaria non renovable e do 62,60% en emisións de CO2.

A rehabilitación integral contempla, así mesmo, o esmaltado das carpinterías interiores e radiadores do centro, o pulido do pavimento de terrazo, a reparación e pintado de paramentos interiores en base ao Estudo cromático para Centros de Educación Infantil e Primaria da consellería e a colocación de novo falso teito acústico en varias estancias (aulas e comedor).

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha