A Xunta de Goberno Local adxudicou na súa xuntanza deste luns as obras de reurbanización da rúa Concepción Arenal á empresa Construcciones Vázquez y Reino por 184.525 euros. A rúa Concepción Arenal, situada entre Vázquez de Parga e Valle Inclán, ten unha lonxitude de 80 metros e un ancho que oscila entre os 8,50 e 4,85 metros da zona máis estreita, na confluencia con Vázquez de Parga, onde carece de beirarrúa por mor dunha edificación e un peche de parcela existentes. Co obxectivo de mellorar a accesibilidade proponse unha actuación semellante á doutras rúas da contorna, de xeito que a rúa contará con zonas peonís de 2,5 metros de ancho con pavimento de granito e un carril de circulación de 3,50 metros, todo en plataforma única.
En canto aos servizos urbanísticos, melloraranse e completaranse as redes de abastecemento de auga e saneamento e instalarase rede de augas pluviais, da que carece a rúa nestes momentos; tamén se colocará a canalización para o soterramento futuro da rede de enerxía eléctrica e completaranse as de telecomunicacións e gas. En canto á iluminación pública, a instalación será soterrada e as luminarias irán colocadas sobre báculos en vez de fixadas ás fachadas, como están agora. O prazo de execución das obras é de 3 meses a partir da sinatura do contrato.