Adxudicadas as obras de reurbanización da rúa Estrela, en Carballo

1 minutes read

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a adxudicación do proxecto de reurbanización da rúa Estrela á empresa Excavaciones y Obras Candal por 202.203,62 euros. Con esta actuación completaranse as actuacións previstas dentro do plan director do ámbito dos Baños Vellos para poñer en valor unha zona de tanta importancia histórica, social e turística como é a contorna do balneario, o único en funcionamento en toda a provincia da Coruña.

Despois das obras realizadas nas rúas Baños Vellos, Pontevedra e Chile, e das que están a piques de rematar na rúa Lugo (na Xunta de Goberno tamén se aprobou, precisamente, unha prórroga dun mes no prazo de execución polos problemas de subministro de materiais), chega o momento de completar a humanización dese ámbito coa reurbanización da rúa Estrela e a mellora da accesibilidade nos entronques coas rúas Perú, Vázquez de Parga e Baños Vellos.

Tal como se expón no plan director, a rúa Estrela terá sentido único e eliminarase unha ringleira de aparcamento para poder substituír as actuais beirarrúas, moi estreitas e pouco accesibles, por amplos percorridos peonís e incluír vexetación que mellore a calidade ambiental e estética do ámbito. Ao mesmo tempo, solucionaranse as deficiencias existentes nos servizos urbanísticos.