Adxudicadas as obras dunha senda e da mellora do firme da AC-221, en Abegondo

1 minutes read

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar as obras de execución dunha senda e da mellora do firme na estrada autonómica AC-221, no concello de Abegondo.

A actuación, adxudicada á empresa Explotaciones Gallegas S. L. por importe de máis de 48.000 euros, comezará nas vindeiras semanas.

A intervención desenvolverase entre os puntos quilométricos 10+640 e 10+960, nunha zona na que non hai un espazo seguro para o tránsito peonil. Procederase, ademais, á rehabilitación do firme. 

Máis en concreto, para a rehabilitación do firme empregarase formigón bituminoso en quente. Tamén se procederá a realizar a drenaxe lonxitudinal da estrada mediante unha tubaxe de 315 de PVC e sumidoiros.

A nova senda terá unha lonxitude aproximada de 140 metros e situarase no mesmo ámbito, nun espazo no que as edificacións se atopan moi próximas ao borde da calzada. Para a súa execución, será necesario desprazar o eixo da estrada para permitir que o ancho do novo itinerario acade 1,5 metros de ancho.