A Xunta recibiu 11 ofertas de empresas para executar o último treito da autovía que unirá Lugo e Sarria, a AG-22, cun investimento de 37,7M€.
Este contrato, adxudicado á empresa Copasa infraestructuras, S.L.U., permitirá actuar no segundo e último tramo da autovía, correspondente co desdobramento do treito Nadela-A Pobra de San Xiao. Os traballos contarán cun prazo de execución de 36 meses.
En concreto, esta intervención centrarase no treito de 13,5 quilómetros, que se inicia na glorieta de Nadela e finaliza no enlace da Pobra de San Xiao, xa en servizo. Entre as intervencións singulares previstas están os enlaces do Corgo e Maceda, un cruzamento de vía baixo a autovía A-54, a execución de dous viadutos no río Chamoso e no de Neira ou a ampliación de 13 pasos superiores e sete inferiores.
Este novo paso para converter o actual corredor nunha vía de alta capacidade permitirá acurtar o tempo de viaxe e adiantar sen risco, debido a que contará con dúas calzadas con dous carrís cada unha. Ofrecerá unha condución moito máis lineal, cómoda e previsible, reducindo significativamente os tempos de percorrido entre a capital e a comarca de Sarria, ao tempo que facilitará unha conexión moito máis eficiente cos grandes eixes de comunicación nacionais, como a A-6 e a A-54, que conflúen no nó de Nadela.
Neste sentido, espérase que arredor de 100.000 usuarios se beneficien deste viario que estará limitado a 120 km/h, ademais dos transportistas que a utilicen para as súas viaxes de traballo –estímase que circulen por ela máis de 8.000 vehículos ao día.