Adxudicado a COGAMI o novo contrato de recollida de RSU da Laracha

1 minutes read

A Xunta de Goberno Local da Laracha, reunida en sesión ordinaria, adxudicou o novo contrato de recollida de residuos sólidos urbanos a Cogami Reciclado de Galicia S.L. Dita empresa prestará ese servizo no termo municipal durante os próximos catro anos –con posibilidade de prórroga por un máis- a razón de 296.509,60 euros por cada un deles.

O novo contrato inclúe a recollida e transporte á planta de Sogama dos colectores verdes (xenérico), amarelos (envases lixeiros) e marróns (novos recipientes de orgánicos), contemplándose melloras na prestación do servizo con respecto á xestión anterior.

A principal mellora consistirá no incremento da cobertura de colectores amarelos, xa que se pasará dos 280 actuais ata os 500. Isto posibilitará implantar o servizo nos núcleos de poboación máis importantes da totalidade das parroquias do termo municipal. A frecuencia da recollida deste contedor tamén aumentará ao realizarse dúas veces por semana nos núcleos urbanos (A Laracha, Paiosaco e Caión) e unha vez por semana na zona rural.

Tamén se reforzará a recollida do novo colector marrón de orgánicos. Actualmente realízase tres veces por semana. Co novo contrato serán seis días semanais en A Laracha e Paiosaco e cinco en Caión (seis durante o verán).

No caso do colector xenérico verde, manterase a recollida diaria nos núcleos urbanos e semanal na zona rural.

Outra das melloras será a maior frecuencia da limpeza e desinfección dos contedores, que se fará catro veces ao ano nas vilas da Laracha, Paiosaco e Caión e dúas veces nas parroquias.

A nova empresa adxudicataria deberá subrogar os contratos do persoal actualmente adscrito ao servizo de recollida de residuos sólidos urbanos.