Adxudicado o servizo de xestión telefónica do transporte público interurbano galego


A adxudicataria, Combina Social, S. L., prestará os servizos de luns a venres entre as 08:00 e as 20:00 horas, e os sábados de 08:00 a 14:00 horas. O contrato, que estaba reservado a centros especiais de emprego de iniciativa social e a empresas de inserción, conta cun prazo de execución dun ano, podendo ser obxecto de prórrogas por ata catro anos máis. Recolle, tamén, a posibilidade de reforzar o servizo con motivo da implantación da Área de Transporte de Galicia e coa evolución do sistema tecnolóxico que se emprega para aboar os servizos de transporte, a tarxeta TMG. Así, o valor total do contrato podería elevarse ata arredor dos 585.000 €.

A adxudicataria do contrato xestionará unha central de chamadas para ofrecer unha resposta inmediata ás solicitudes de información, peticións e incidencias formuladas pola cidadanía en relación coa prestación do servizo público de transporte regular de viaxeiros. Tamén inclúe a realización de certas xestións directas relacionadas cos servizos, tales como a reserva de praza en servizos baixo demanda. Esta adxudicación ten como prioridade garantir a prestación dun servizo dirixido a aquelas persoas que poidan ter máis dificultades para acceder a os servizos existentes vía web, asegurando a universalidade do servizo público de transporte público.