Adxudicados tres proxectos de mellora da rede viaria da Laracha

2 minutes read

Na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local celebrada este mércores foron adxudicados tres proxectos de mellora de rede viaria que suporán un investimento total de 559.000 euros.

A intervención de maior entidade é a renovación integral da estrada de Montemaior que comunica a vía provincial DP-2404 con Santa Margarida pasando polos núcleos da Baiuca, Goexe, O Sopé e Propeste. O proxecto, que foi adxudicado a Construcciones J. Mauri e Hijos SL,  é amplo, completo e ambicioso, deseñado para dar resposta ao incremento no volume de tráfico rexistrado nesa vía nos últimos anos. Os tres obxectivos prioritarios son aumentar a seguridade viaria ao facilitar a circulación dos vehículos, incrementar os servizos e reducir os tempos de percorrido para os usuarios da vía.

En total están afectados 2.355 metros lineais da estrada, que pasarán a ter unha anchura da plataforma da calzada de dez metros, o que supón máis do dobre que a actual, especialmente no tramo entre A Baiuca e Propeste no que non alcanza os cinco metros. Ademais, a superficie de rodadura contará cun novo pavimento e serán instalados elementos de seguridade como biondas e a correspondente sinalización horizontal e vertical. Tamén se mellorará a rede de recollida de augas pluviais.

O orzamento ascende a 390.000 euros, ademais dos 62.600 euros investidos previamente polo Concello na adquisición das sesenta e cinco parcelas catastrais afectadas polas obras. Os outros dous proxectos foron adxudicados a Excavaciones y Obras Candal SL. Un deles afecta á parroquia de Cabovilaño e localízase no lugar de Padronelo. Consiste na renovación da superficie de rodadura da estrada e no acondicionamento dos sobreanchos, que serán aproveitados para ampliar a plataforma da calzada e crear espazos para o aparcamento de vehículos. Tamén se contempla a ampliación da rede de recollida de augas pluviais e a sinalización horizontal e vertical para reforzar a seguridade viaria. O investimento superará os 89.000 euros.

E o outro proxecto ten un orzamento de 80.000 euros e sitúase na parroquia de Lendo. Prevé a nova pavimentación con aglomerado asfáltico en quente da estrada que discorre entre os núcleos do Campo da Porta, Lexas e A Torre ao longo dunha distancia lineal aproximada de 1.700 metros. Inclúese a limpeza das cunetas, a recuperación dos bordes da calzada e, por último, a sinalización horizontal e vertical.

Na sesión da Xunta de Goberno Local tamén se deu conta da solicitude de participación do Concello en dúas convocatorias de axudas de Augas de Galicia, unha delas para o desenvolvemento de actuacións dirixidas a reducir as infiltracións na rede de saneamento e a outra, para minimizar a perda de auga na rede de abastecemento.

Salientar, por último, a concesión das licencias urbanísticas correspondentes para a construción de dúas novas vivendas unifamiliares.