As enerxías renovables constitúen de media, a día de hoxe, o 40 % da demanda de enerxía eléctrica. Espérase, segundo o Ministerio para a Transición Ecolóxica e en consonancia cos obxectivos da Unión Europea, sexa do 74% para o 2030. Co peche total das centrais de carbón e continuidade das de ciclo combinado con gas natural como respaldo do sistema eléctrico.
A revolución verde e a consecución duns obxectivos de implantación e implementación das enerxías renovables atísbase no horizonte do medio prazo, cada vez con maior nitidez.
Dentro de todo este conglomerado de posibilidades existe en Galicia a importantísima fonte de enerxía a explotar que está mar dentro. A nosa comunidade autónoma xa é unha potencia na xeración de enerxía eólica pero a explotación desta enerxía “off shore” é un camiño para seguir. A capacidade de producir enerxía eólica mariña constitúe unha tecnoloxía en desenvolvemento cuns prezos que empezan a ser competitivos.
Temos en Portugal un exemplo clarificador. Unha experiencia descritiva, onde Windplus, S.A, filial da portuguesa EDP Renovables, con 79,4 %, xunto coa española Repsol que participa co 19,4%, ademais de Principal Power Inc, co 1,2% presentan o primeiro parque flotante de Europa, a 20 km de de Viana do Castelo e a 60 km de Tui.
Cun investimento de 125 millóns de euros, dos cales 60 son achegados polo Banco Europeo de Investimentos. Conta ademais con case 30 do programa NER 300 da Unión Europea e ata 6 do goberno portugués.
Devandito proxecto presenta 3 aeroxeradores V164-8.4 MW cunha altura máxima de 190 metros, asentados sobre uns cimentos triangulares semisumerxibles e a unha profundidade de 100 metros. Sinalar que a primeira estrutura das tres foi construída en Fene, co consecuente beneficio económico para Galicia.
A viabilidade do plan está apoiado nun modelo prototipo que funcionou de 2011 a 2016, producindo enerxía de forma ininterrompida durante eses 5 anos, ademais de aguantar condicións extremas.
Con todo, non é ouro todo o que reloce e tamén presenta inconvintes. Hai problemas tanto na plataforma como no cable submarino para as comunidades pesqueiras. Isto levo a que embarcacións portuguesas de baixura bloqueasen o acceso ao porto de Viana do Castelo a principios do pasado mes de setembro. Como consecuencia disto, algunhas embarcacións que locen pavillón luso recibiron un millón de euros en indemnizacións. Non extensivo a barcos galegos próximos ao foco do problema.
Outro inconvinte é o do impacto visual sobre a costa, que recomenda afastar estas estruturas a, polo menos 45 km, deixando moi curtos o 20 km actuais.
En Galicia, a Xunta advirte que a tramitación de calquera tipo de plan sobre as augas é competencia do estado, segundo a última sentenza do Tribunal Supremo no 2016. Dito isto, tamén incide en que se garantiría o respecto á paisaxe e aos ecosistemas das nosas rías, así como do resto das nosas áreas de pesca e marisqueo.
O motivo polo que aínda non hai aproveitamento dos 6000 km de costa existentes en España por unha banda é que aínda quedan boas localizacións en terra firme e, por outra banda que o custo debe seguir abaratándose. Algo que desde o Ciemat (Centro de investigacións enerxéticas ambientais e tecnolóxicas) sinalan vai producirse cada vez con maior intensidade.
Unha importante diferenza existente entre a eólica mariña e a mariña terrestre é que para a primeira non hai barreiras e nalgúns casos a produción enerxética pode ser do dobre.
As vantaxes que existen, custos baixos, enerxía verde, etc, se somos capaces de emendar os inconvenientes que tamén presentan, fan que estes aeroxeradores mariños sexan moi prometedores e constitúan un eixo positivo no desenvolvemento económico de Galicia. Ora ben, deben ademais beneficiar ao consumidor conseguindo un aforro notable na xa tan elevada tarifa enerxética. É hora de conseguir beneficios a todos os niveis. Non só económicos para as grandes empresas, tamén para o usuario particular, comunidades de veciños, pemes, pequenas e medianas empresas. E ao mesmo tempo, coidar o noso planeta con feitos.
ALEJANDRO LUÍS OTERO JAMARDO