A Asociación de Familiares de Enfermos/as de Alzheimer e/ou outras demencias de Bergantiños (Afaber) reparte por segundo ano consecutivo etiquetas inspiradas no Nadal polo comercio local da Comarca de Bergantiños.
Feitas a man na súa totalidade polas persoas usuarias da entidade, contribúen a decorar de maneira gratuíta os empaquetados do Nadal de case 50 tendas e negocios locais de todos os Concellos de Bergantiños que se animaron a colaborar coa Asociación nesta bonita iniciativa deixando xa máis de 3.000 etiquetas repartidas.
Este proxecto ten como única finalidade dar visibilidade á Asociación e ao seu traballo coas persoas diagnosticadas de Alzheimer e doutras demencias, “que a xente nos coñeza, que saiban que estamos aquí”.
Ademais, mediante esta actividade, as persoas usuarias de Afaber vense beneficiadas na súa estimulación cognitiva mediante o adestramento de capacidades como a atención, a orientación ou a praxia. E, á súa vez, séntense motivadas pola ilusión de que as súas creacións cheguen aos fogares de centos de familias durante as festas acompañando unha chea de agasallos en toda a Comarca.
11