A Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias de Galicia (AFAGA) abriu o prazo, ata o próximo 6 de xullo, do seu XII Certame Literario de Relato Curto 2026 ‘Nun recuncho da memoria’, co lema ‘O dó anticipado’.
Nesta edición, AFAGA buscar ir máis aló dunha proposta cultural e abrir un espazo íntimo para reflexionar sobre o proceso do dó lento e silencioso que sofren tantas persoas no día a día das enfermidades neurodexenerativas. O familiar ou amigo que acompaña ao paciente enfróntase durante o proceso a unha mestura de emocións de tristeza, cansazo, amor incondicional, culpa, frustración e medo ante o inevitable. Os participantes deberán describir nos seus relatos o que tantas familias e amigos senten en silencio, incluíndo vivencias honestas, humanas e próximas.
O certame premiará o mellor relato en dúas categorías (castelán e galego), valorándose a empatía coa enfermidade, a emotividade, a orixinalidade e a frescura, así como a caracterización, o estilo, a calidade técnica da linguaxe ou a coherencia e consistencia da mensaxe. A entrega de galardóns realizarase nun acto público que se celebrará durante o próximo mes de setembro. Os dous relatos premiados incluiranse nun libro recompilatorio, en papel e en formato dixital, que AFAGA editará cos relatos gañadores das últimas edicións do certame literario.
Poderán presentarse ao certame literario todas as persoas maiores de 16 anos. As obras deberán ser inéditas, orixinais e escritas sen a axuda de ferramentas de intelixencia artificial e poderán enviarse en formato dixital (formacion@afaga.com), plica ou presencialmente na sede de AFAGA, en Avenida Martínez Garrido, 21, en Vigo.
O xurado estará integrado por un grupo multidisciplinar de expertos profesionais de AFAGA e doutras entidades relacionadas co Alzheimer e a cultura.
Para máis información, achéganse as Bases do XII Certame Literario de Relato Curto 2026 ‘Nun recuncho dá memoria’
Sobre AFAGA
A Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias de Galicia (AFAGA), fundada en Vigo hai máis de 30 anos, é unha entidade sen ánimo de lucro que realiza diferentes actividades para mellorar a calidade de vida das persoas con Alzheimer e outras demencias e a dos seus familiares. Ofrece información, asesoramento e orientación e busca achegar a realidade destas doenzas a entidades públicas e privadas, para dar resposta ás demandas do colectivo que representa, alén de colaborar nas investigacións que se realizan sobre as demencias neurodegenerativas. En 2025, atendeu a 3.628 persoas, das que 613 eran persoas usuarias con demencia e 1.075 participantes en programas de prevención á deterioración, en máis de 40 localizacións de 16 concellos da provincia de Pontevedra.