O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, a través do Fondo Español de Garantía Agraria, publicou no Boletín Oficial do Estado a convocatoria de axudas a investimentos materiais ou inmateriais en transformación, comercialización e desenvolvemento de produtos agrarios, no marco do Programa Nacional de Desenvolvemento Rural 2014-2020, para o fomento da integración de entidades asociativas agroalimentarias de carácter supraautonómico.
O orzamento total previsto nesta convocatoria é de 33,5 millóns de euros para proxectos a executar durante 2023 e 2024, con cargo a este último exercicio. O financiamento destas axudas realizarase nun 53% con cargo ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) e nun 47% co orzamento do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.
Estas axudas están reguladas polo Real Decreto 1010/2015, do 6 de novembro, e teñen como fin conseguir unha mellora nos procesos de transformación e comercialización desenvolvidos polas Entidades Asociativas Prioritarias (EAP), así como incrementar o valor engadido dos seus produtos e o seu posicionamento nos mercados. Desta forma, contribúese á mellora da competitividade dos produtos ofrecidos estas entidades.