Alcoa e os traballadores non chegan a un acordo para suspender a folga en San Cibrao

1 minutes read

Este xoves mantiveron unha reunión telemática representantes do comité de empresa da fábrica de aluminio primario de San Cibrao coa dirección de Alcoa, unha xuntanza que concluíu sen acordo entre as partes para suspender a folga indefinida que comezou no complexo industrial a principios de outubro e que, segundo cálculos da multinacional provocou xa perdas por un importe superior aos dez millóns de euros. Tras a reunión, representantes do comité de empresa, encabezados polo seu presidente, José Antonio Zan, anunciaron que quedou suspendida a asemblea de traballadores, precisamente para informar ao persoal dos avances nas negociacións e tomar decisións para conseguir a “paz social” demandada por parte de Alcoa. Alcoa comprometeuse a estudar de novo a venda da súa planta de San Cibrao, en Lugo, á SEPI, tal e como informou o presidente da siderúrxica en España, Álvaro Durado. Con todo, este emporio puxo unha condición, para que o clima sexa adecuado, e é a suspensión da folga. O presidente do comité contou que “Alcoa supedita calquera negociación a que o comité de empresa e os traballadores acepten esa paz social e a desconvocatoria de folga”, paso que a representación dos traballadores non descarta “se as instalacións están ben”, se se cumpren “os tempos” e se a “Sepi dá o visto e prace para seguir adiante”.