Alerta laranxa por chuvias no oeste e suroeste da provincia da Coruña

A Xunta vén de activar desde as 22,00 horas do martes a alerta laranxa por chuvias no oeste e suroeste da provincia da Coruña. Co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a  Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, informou da situación a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.

Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), a alerta laranxa actívase por precipitación acumulada que pode acadar os 80 mm. nunha hora. Ante as fortes chuvias recoméndase circular con precaución e informarse antes do estado das estradas, non atravesar zonas inundadas ou que poidan chegar a asolagarse e non aparcar nas ribeiras dos ríos.

Debido á alerta laranxa por choiva acumulada en 12 horas en terra, a Comisión Escolar de Alertas decidiu suspender durante toda a xornada deste mércores 12 as actividades no exterior dos centros educativos en dúas zonas: Oeste da Coruña (Camariñas, Carnota, Cee, Corcubión, Dumbría, Fisterra, Mazaricos, Muxía, Vimianzo e Zas) e Suroeste da Coruña (Boiro, Dodro, Lousame, Muros, Noia, Outes, Padrón, A Pobra do Caramiñal, Porto do Son, Rianxo, Ribeira e Rois).

Do mesmo xeito, a Secretaría Xeral para o Deporte da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, segundo as previsións dos órganos preditores, anunciou a suspensión da actividade deportiva federada e as do programa Xogade que se realicen mañá durante toda a xornada no exterior nestas zonas.

Continúa ademais a alerta laranxa por temporal costeiro no litoral das provincias da Coruña e Pontevedra, con vento do sur ao suroeste con ata forza 8 e mar combinada do oeste ou suroeste con ondas de ata seis metros. Mantense polo tanto suspendida a actividade deportiva do programa Xogade e federada no mar nos concellos afectados. A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.

Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.

Related posts

Portos traslada á confraría e o club marítimo de Corcubión os avances no estudio ambiental do porto mixto

Conclúe a reforma da cantina do campo do Cairo, en Corme

O BNG reúnese con mergulladores de Fisterra para dar conta do traballo realizado en defensa do sector