O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, visitou este mércores xunto co delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e o alcalde de Cabana de Bergantiños, José Muíño, as melloras levadas a cabo no pavillón polideportivo da Carballa, que o Goberno galego apoiou cunha axuda de 40.000 euros ao abeiro da Orde de Infraestruturas de uso público. A Xunta leva investidos no concello de Cabana de Bergantiños máis de 704.300 euros nos últimos anos en melloras ambientais e de infraestruturas, entre as que se inclúen as actuacións no pavillón polideportivo da Carballa tanto no interior coma no exterior coa substitución das portas da entrada, o teito, o chan e as marquesiñas, ademais da colocación de canastras de minibasket e asentos nas bancadas, co obxectivo de promover a actividade deportiva entre a veciñanza. Na visita, Alfonso Rueda anunciou que o Diario Oficial de Galicia, publicou a nova convocatoria desta liña de axudas para 2021, que manterá o orzamento de 4 millóns de euros, despois de incrementalo en 2020 nun millón de euros.
Pola súa banda, o alcalde de Cabana, José Muíño, quixo “agradecer a presenza tanto do vicepresidente como do delegado provincial” para dar a coñecer unha intervención “importante para o noso municipio, porque estamos a falar dunha instalación da que fan uso sobre 800 persoas, tanto nenas e nenos como maiores”, e incluso xente “doutros concellos”, convertendo a mesma nunha infraestrutura “supramunicipal ou comarcal”. “Esta intervención é para todas e todos e agradecer que contaran coa nosa demanda, e agardo que proximamente poidamos frear a incidencia da covid-19 para que a veciñanza poida facer uso das mesmas”, finalizou.
