Alumnado de ESO e Bacharelato de Carballo participan en «Ruar e rir»

1 minutes read

Ruar e rir, a iniciativa coa que o Concello de Carballo lle deu vida en 2015 aos pasos de peóns con frases para a reflexión. Agora, con motivo do Día das Letras Galegas e cun marcado fin pedagóxico, Ruar e rir 2: As esencias da cidade lévalas dentro dos zapatos adquire un novo significado, xa que as 18 novas mensaxes que se pintarán nos próximos días nacen dun proceso creativo no que participaron alumnas e alumnos de 2º de Bacharelato do IES Alfredo Brañas e de 4º da ESO do IES Monte Neme, coordinados polo sociólogo e inspirador do proxecto Santiago Pazos e supervisados polas profesoras de lingua galega deses centros. Entre todos chegaron ás frases definitivas que os mesmos escolares trazarán nas rúas; entre elas, a que subtitula o proxecto. Durante as sesións houbo espazo para o debate sobre a lingua, a aprendizaxe de vocabulario, a revisión da ortografía e da gramática e, sobre todo, para deixar voar a imaxinación.

Organizada pola concellaría de Promoción Económica e Normalización Lingüística, ‘Ruar e rir 2’ quere ser tamén unha homenaxe viva ao galego. Por ese motivo, as pintadas realizaranse en horario lectivo nos días previos ao Día das Letras. Para unir a literatura coa creación artística, o alumnado contará coa axuda de coñecidos creadores plásticos carballeses: Cristina Castro, María Marticorena, Santi Picos e Mon Lendoiro.