Alumnado do IES Agra de Leborís, na Laracha, participou nun obradoiro de debuxo urbano

1 minutes read
  • A iniciativa, que se desenvolve noutros nove concellos galegos, busca fomentar a concienciación ecoloxista a través da arte

Once alumnos de 3º e 4º da ESO do IES Agra de Leborís da Laracha desfrutaron este venres dunha mañá diferente dentro do seu horario lectivo participando no obradoiro de debuxo urbano organizado entre o propio centro, o Concello e o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.

A acción formativa foi impartida pola escola profesional de banda deseñada e ilustración O Garaxe Hermético. Ademais da formación práctica desenvolvida na área recreativa de Gabenlle, os participantes tamén recibiron formación teórica por medio dun vídeo explicativo das diferentes técnicas de debuxo presentado polo ilustrador e produtor Kiko da Silva.

Este obradoiro, que se está a levar a cabo nun total de dez municipios galegos, concluirá coa creación dun libro virtual con textos de Manuel Lourenzo inspirado nos debuxos de todos os rapaces.

Os obxectivos desta iniciativa son diversos e complementarios, xa que se combinará a formación artística dos participantes co coñecemento dos entornos naturais e a concienciación ecoloxista e patrimonial.