Alumnos de varios colexios de Carballo aprenden sobre deporte e natureza a través do surf

2 minutes read
  • Este luns, alumnado do CEIP A Cristina visitou a praia de Razo co proxecto «Aprende a través do surfing»

Nenos dos CEIP Nétoma-Razo, Gándara-Sofán, A Cristina e Xesús San Luís Romero de Carballo mergulláronse no surf a través dunha iniciativa que, desde o mes de marzo, busca que a rapazada da comarca aprenda sobre medio ambiente, integración social, protección da natureza, deporte ou benestar a través deste deporte.

O proxecto «Aprende a través do surfing», promovido pola Federación Española de Surf e o colectivo Surf and Clean, é unha iniciativa que está «estreitamente ligada ao traballo que se está a desenvolver para conseguir a declaración da Costa da Morte como Reserva Mundial de Surf», sinalan desde o Concello de Carballo, que colabora no programa coa Deputación da Coruña. Na capital de Bergantiños a escola oficial de surf Boaola é a encargada de desenvolver estas actividades.

A iniciativa incluíu traballos nas propias instalacións dos centros de ensino e tamén a través dunha plataforma online para, posteriormente, poñer todo o coñecemento en práctica. Este luns, por exemplo, os nenos de 6º de Primaria do CEIP A Cristina foron ata a praia de Razo para poder realizar o seu bautismo de surf. A directora do centro, Manuela Becerra Castro, explicou que a rapazada aprende sobre o “coidado do mar e dos océanos” e tamén “sobre si mesmos e sobre a natureza” a través do surf. Durante os próximos días e até o 4 de xuño todo o alumnado de Primaria do centro terá a oportunidade de coñecer as ondas de Carballo, sempre respectando as medidas de seguridade COVID a través de grupos burbulla.

Por outra banda, un dos coordinadores deste programa, David Blanco, incidiu na forma de «introducir no ensino a perspectiva de medio ambiente e transformación social» a través da cultura do surfing.

E precisamente, con esta perspectiva global do surf e da súa cultura, o Concello desenvolveu durante os meses de abril e maio a iniciativa Surfea Carballo para convidar a todas as persoas que practican este deporte «a pasar unha semana de surf gratis en Carballo». O obxectivo da campaña «foi o de reforzar a presenza do municipio como espazo para practicar o surf e contribuír a promocionalo alén das fronteiras do Concello», destacan desde o consistorio, tendo en conta que Carballo forma parte da candidatura conxunta da Costa da Morte para converterse en Reserva Mundial de Surf, dada a presenza no municipio de cinco escolas de surf así como da práctica habitual deste deporte nas praias carballesas.

Novo mural para o CEIP A Cristina
Os artistas locais Mon Lendoiro e Cristina Castro retomaron o proxecto artístico no CEIP A Crisitina coa igualdade como tema principal. O mural, que ía a realizarse no 2020 e finalmente tivo que ser posposto, xa está en marcha aproveitando que o 3 de xuño comeza o Rexenera Fest. Ademais, os nenos do colexio tamen pintarán os seus debuxos no patio baixo a supervisión dos encargados do mural.