Álvarez reta a Rueda a demostrar no próximo pleno ‘que ten estilo propio fronte á crise’

1 minutes read

O voceiro parlamentario do PSdeG, Luis Álvarez, preguntaralle a Alfonso Rueda na súa primeira sesión de control como presidente da Xunta polas medidas que ten previsto adoptar o goberno galego ante a difícil situación actual. Desta maneira, Álvarez retará ao novo xefe do executivo galego a demostrar que ten estilo propio, “se é que existe”, e se realmente “vai haber un cambio de tendencia na actual ausencia de medidas reais e efectivas, máis alá de algún anuncio que fixo na súa investidura e que non consigue tranquilizarnos”, matizou Álvarez.

Neste senso, Álvarez lamentou que, dende a súa toma de posesión, Rueda non comunicou “ningunha medida propia que contribúa a que os galegos e galegas poidan saír da situación na que estamos nos últimos meses”. “Veremos”, engadiu, “se o señor Rueda evidencia ese estilo propio ou se, pola contra, sigue nunha liña continuista e cunha ausencia total de estilo propio”, concluíu.