Qube é unha das maiores empresas de loxística e infraestrutura portuaria de Australia.
Pontegadea, o holding empresarial do fundador de Inditex, Amancio Ortega, entrou por primeira vez no mercado australiano coa súa participación na compra do 100% do operador loxístico Qube Holdings. Unha operación liderada por Macquarie, un dos maiores grupos financeiros e de investimento do mundo, na que tamén participan varios fondos de pensións como UniSuper, Brighter Super e Mercer Investments.
Esta operación valora ao grupo loxístico Qube en 11.600 millóns de dólares, uns 6.900 millóns de euros, segundo sinalan os distintos medios económicos que se fixeron eco desta noticia.
Esta é a primeira operación de Pontegadea no mercado australiano, e enmárcase en suu estratexia de diversificación. Actualmente, o consorcio conta cun 18,44% das accións de Qube: UniSuper contaría cun 15% do total e Macquarie, xunto con Pontegadea, conta cun 2% do capital.
Qube é unha das maiores empresas de loxística e infraestrutura portuaria de Australia, que opera tamén en Nova Zelandia e o sueste asiático. Realiza servizos portuarios e terminais, loxística terrestre e infraestrutura estratéxica, e o seu papel é esencial na cadea de subministración australiana, especialmente en sectores como minería, agricultura e comercio internacional.