Amnistía Internacional denuncia que se produciron “graves violacións de dereitos humanos” e que as “forzas de seguridade marroquís e españolas cometeron crimes de Dereito Internacional contra persoas negras” na traxedia do valo de Melilla o pasado 24 de xuño. Nun novo informe publicado este martes, a organización pon o foco, ademais, nas desaparicións forzadas de polo menos 77 persoas que «tentaron saltar o valo fronteirizo e desde entón as súas familias non souberon nada».
A través desta nova investigación, Amnistía esixe unha rendición de contas, tanto ás autoridades marroquís como ás españolas. “Das imaxes do 24J desprendíase que poderían ocorrer graves violacións de dereitos humanos. É importante que haxa unha rendición de contas polo ocorrido. Queremos denunciar que aínda non sabemos todo o que pasou aquel día no posto fronteirizo de Barrio Chinés e seguimos sen saber cantas persoas faleceron”, asegura a responsable desta investigación, Virginia Álvarez.
A organización tamén quixo denunciar que, nin as autoridades españolas nin as marroquís fixeron público o resultado de investigación algunha que poida esclarecer o sucedido aquel 24 de xuño, e denuncia a falta de responsabilidade política a ambos os dous lados da fronteira.
Tras publicarse o informe o Ministerio do Interior criticou a Amnistía Internacional polas súas afirmacións «falsarias» e de «extrema gravidade» e considera que a organización acusa a Garda Civil de participar en supostas torturas durante o dispositivo pola traxedia de Melilla do pasado 24 de xuño. «Lamentamos que se realicen acusacións contra as nosas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado sen probas, apoiándose só en testemuños de parte sen contrastar», sinalou nun comunicado. O Ministerio engade que non coincide coa análise da traxedia que fai a ONG.