Este luns, 18 de abril, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará a ampliación de crédito para o programa Renove Automoción, co obxectivo de seguir apoiando a substitución do parque automobilístico e chegar a máis beneficiarios -particulares e familias-. Tras unha primeira orde de axudas de 2,5 M€, agora no marco do Plan de Choque impulsado pola Xunta, súmanse dous millóns de euros máis ao Renove Automoción co obxectivo de cubrir, aproximadamente, outras 740 solicitudes, sumadas as 900 solicitudes xa recibidas -e que estaban en lista de espera- e as de novos particulares interesados na adquisición de vehículos enerxeticamente eficientes.
Cómpre lembrar que as axudas son de concorrencia non competitiva —é dicir, por orde de chegada das solicitudes— e tramítanse a través das entidades colaboradoras. Oscilan entre os 3.000 e os 4.000 euros segundo o tipo de vehículo, dos cales o Goberno galego achega 2.000 e 3.000, respectivamente, e o concesionario, 1.000. A contía increméntase nun 20% para familias numerosas, polo que os apoios poden acadar os 3.400 e 4.600 euros.
A convocatoria inclúe a adquisición de vehículos novos –turismos e furgonetas– cun custo inferior ou igual a 40.000 euros. Será requisito imprescindible que a persoa beneficiaria acredite a baixa definitiva en circulación dun vehículo a achatarrar de, polo menos, 10 anos no caso dos turismos e de cinco no das furgonetas. Polo tanto, entre os obxectivos está promover a substitución de vehículos de certa antigüidade –o parque móbil galego ten unha media de 14 anos– por outros novos e eficientes que reduzan a emisión de gases de efecto invernadoiro e melloren a calidade do aire.