Ampliado o crédito para a concesión de axudas para a adquisición de taxis adaptados

1 minutes read

Estas subvencións autonómicas son de ata 4.000 euros para os taxis de baixas emisións, 6.000 euros no caso de vehículos de emisións cero e 10.000 euros para coches adaptados e accesibles a persoas con mobilidade reducida. No último ano foron concedidas un total de 224 axudas ao sector do taxi para a adquisición de vehículos adaptados a persoas con mobilidade reducida e de baixas ou cero emisións, cun investimento total de case 1,15 millóns de euros. Destes incentivos beneficiáronse as persoas físicas titulares de autorizacións administrativas de transporte vixentes, documentadas en tarxetas da serie VT-N, expedidas pola Dirección Xeral de Mobilidade. Estas medidas teñen como obxectivos incrementar a competitividade deste sector do que dependen case 4.000 familias galegas, pero tamén de facilitarlle a vida ás persoas con mobilidade reducida e contribuír ao medio ambiente, fomentando unha mobilidade menos contaminante.