O obxectivo deste programa autonómico é facilitar o acceso ou o mantemento dun fogar a colectivos desfavorecidos, especificamente a afectados por unha demanda de desafiuzamento ou un procedemento de execución hipotecaria, vítimas de violencia de xénero e mulleres que sofren trata con fins de explotación sexual, fillos menores de 30 anos de vítimas mortais por violencia de xénero, persoas privadas da súa vivenda por causas sobrevidas e imprevistas ou que se atopen en situación de emerxencia social, e mozos tutelados pola Xunta unha vez acadan a maioría de idade, entre outros.
Co fin de paliar este tipo de situacións de vulnerabilidade, os beneficiarios teñen dereito a unha prestación que, desde o ano 2020, equivale ao 100% da renda que figure no seu contrato de alugueiro, sempre e cando esta non supere a contía límite establecida polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) para cada área xeográfica.
Deste xeito, nas 7 grandes cidades o importe que asume a Xunta é de, como máximo, 550 euros ao mes; nos concellos de tamaño medio e localizados en contornas urbanas, está fixado en 500 euros; e no resto de municipios, o límite acada os 425 euros.
En todo caso, estas contías increméntanse nun 20% cando a unidade de convivencia do beneficiario necesite dispoñer dunha vivenda adaptada ou estea integrada por 5 ou máis membros polo que nestes supostos o importe do bono poderá chegar ata os 660, 600 ou 510 euros, respectivamente e segundo a zona.