Ampliado o radio de acción e os servizos do Proxecto europeo Radar on Raia

1 minutes read

A rede de radares de alta frecuencia (HF Radar) do Observatorio Costeiro da Xunta de Galicia, que forma parte do Observatorio Transfronteirizo RAIA, vén de ampliar o seu radio de acción máis alá da fronteira con Portugal e ofrece novos servizos e aplicacións asociados a esa mellora que serán abordados no evento final do proxecto europeo Radar on Raia. O evento celebrarase o próximo 22 de xuño na sede do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, dependente da Consellería do Mar e que coordina esta acción na que participan organismos galegos, nacionais e portugueses.

Os avances conseguidos nos tres anos de desenvolvemento do proxecto serán expostos nese encontro, no que distintos expertos europeos analizarán as vantaxes da tecnoloxía de radares de alta frecuencia (HF Radar), o seu futuro e as súas aplicacións no ámbito do salvamento marítimo.

O Centro Tecnolóxico do Mar coordina esta acción europea financiada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) – Programa Interreg V-A España-Portugal (Poctep), e na que participan outros socios galegos como o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) e as universidades de Vigo e Santiago de Compostela.