O BNG desenvolve unha ofensiva contra a decisión tomada pola Unión Europea por infundada e por non respectar a soberanía pesqueira galega. Diante da Axencia Europea de Control da Pesca de Vigo, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, anunciou que na Comisión de Pesca que terá lugar na Eurocámara o vindeiro luns instará a retirar a normativa que veta a pesca de fondo en 87 caladoiros do Atlántico adoptada pola Comisión Europea. Esta medida ten un grave impacto no sector pesqueiro galego, xa que afecta a 200 barcos de capital galego e 900 de forma indirecta, máis de 4.000 tripulantes, e sobre todo os portos de Vigo, Ribeira, A Coruña e Celeiro.
Segundo explicou Ana Miranda tras un acto de protesta que contou coa participación da deputada no Parlamento Galego Carmela González e o portavoz municipal Xabier P. Igrexas, a normativa pode retirarse ao entender que existe prevaricación “por non facer o estudo socioeconómico”. Neste sentido explicou que Irlanda xa solicitou a petición de suspensión, cun recurso presentado no Tribunal de Xustiza de Luxemburgo, “mentres ao Estado non lle vimos ningunha acción, só anuncios e publicidade”, criticou. Tamén reclamou que nin o Goberno nin a Xunta presentara un recurso en tempo e forma antes de que rematara o prazo.
Ana Miranda puxo en valor as actuacións desenvolvidas polo Bloque desde o 15 de setembro, día en que se coñeceu a decisión da Comisión Europea e sinalou que o día 19 unha delegación do BNG encabezada por Ana Pontón reuniuse con ARVI, o 23 celebrouse un encontro en Ribeira, e se presentaron diversas iniciativas tanto no Concello de Vigo como no Congreso e o Parlamento Galego, precisamente “fronte a parálise do goberno galego” denunciada pola deputada Carmela González, quen criticou a parálise do presidente da Xunta.
Por outro lado, a eurodeputada do Bloque criticou as incertidumes causadas polas informacións contraditorias vertidas polo goberno estatal, en especial o ministro Planas, e a Comisión. “Agardamos ter información clara e sobre todo transparencia, xa que non a houbo nin por parte do Estado, nin por parte da Xunta, nin moito menos por parte da Comisión Europea”, subliñou.