Ana Pontón agradeceu en Vigo o apoio da cidade máis grande do País o 18F

1 minutes read

A portavoz nacional, Ana Pontón, anunciou en Vigo que a primeira proposta que o BNG defenderá no Parlamento será que o 50% das vivendas previstas en Navia sexan públicas e construídas directamente pola Xunta para ofrecer en réxime de aluguer a prezo taxado. “Estariamos falando de 800 pisos que terían un impacto moi positivo á hora de facilitar o dereito á vivenda e sería a base dunha gran bolsa de vivenda pública nesta cidade”, explicou.

Esta será a primeira proposta que o BNG levará ao Parlamento en canto se inicie o novo período de sesións, segundo avanzou Pontón durante o acto de presentación dos deputados e das deputadas electas en representación da cidade e de toda a provincia de Pontevedra. Un acto que a líder nacionalista aproveitou para agradecer a todos os vigueses e viguesas a confianza depositada no BNG, que se ten convertido na forza máis votada na primeira cidade de Galicia e no conxunto dos concellos da ría.