A portavoz nacional do BNG e candidata á Presidencia, Ana Pontón, mantivo un encontro cos representantes da Plataforma Verín non se pecha, e persoal sanitario, aos que trasladou o seu “orgullo e admiración” pola mobilización en defensa da sanidade pública, ante unha veciñanza que saíu a rúa para loitar polos seus dereitos evitando o peche da sala de partos e da atención pediátrica urxente no hospital comarcal.
“Todo iso foi Verín non se pecha: unha mobilización exemplar da veciñanza plantando cara aos recortes na sanidade do candidato do PP e, desde aquí, pido estender o espírito e a rebeldía de Verín non se pecha a toda Galiza o 12 de xullo, se o facemos haberá cambio galego e por primeira vez un Goberno en clave de país liderado por unha muller e por unha nacionalista”, salientou, “Feixóo tivo a súa primeira derrota aquí en Verín con esta mobilización, fagamos que a segunda a teña nas urnas a noite electoral”.
“Se os galegos e as galegas me dan o seu apoio para liderar o próximo goberno imos fortalecer a sanidade pública con dúas medidas a adoptar non primeiros cen días de goberno: cubrir as 6.000 prazas vacantes no SERGAS lanzando unha oferta pública de emprego inmediata e un plan de reforzo da atención primaria dotado de 200 M€” subliñou Pontón.