Ana Pontón di que Feijóo forma parte do pasado,“o futuro prometedor que merece Galiza está no BNG”

2 minutes read

Para a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, o debate do estado da nación evidenciou que Feixóo representa a un goberno “esgotado, sen proxecto, que deixa Galiza na irrelevancia política”, de feito, a falta de alternativa é tan clara que o propio inquilino de Montepío, -recalcou-, “sabe que este foi o seu último debate como presidente e pretende enmascarar o seu fracaso coas mesmas promesas de sempre e escondéndose detrás da situación do Estado. Pero Galiza merece algo máis, ten que mirar ao futuro e vostede representa o pasado”.

E para ter futuro, salientou a líder nacionalista, Galiza precisa na Presidencia unha persoa “que coñeza a realidade do cada día da xente do país, merece un goberno que confíe no país, un goberno transcendente, con voz propia en Madrid, que se fixe como obxectivo poñer o país a pleno rendemento. Ese é o compromiso que no BNG adquirimos neste debate con todos os galegos e as galegas: traballar para gañarnos o futuro prometedor que Galiza merece”.

Antes de entrar no balance da xestión de Feixóo, Pontón fixo unha tripla reflexión. Primeira, que o actual inquilino de Montepío converteu a Xunta nun táboa de salvación persoal e do PP, e ante a falta de proxectos “recorre ao baúl dos recordos recuperando vellos proxecto de Fraga da década dos 90”. “Estamos na Galiza do século XXI”, recordou.

No balance da década de goberno de Feixóo, Pontón concluíu “que deixa un país minguando, empequenecido, unha Galiza peor que a que recibiu, na que a maioría social vive peor tras os seus dez anos de goberno. Non queremos a súa Galiza bosai, no BNG queremos unha Galiza forte como un carballo, con raíces sólidas que aporten riqueza, progreso e benestar social”, declarou para definir a herdanza de quen deixa o país sumido nunha cascada de crisis.