Ana Pontón exixe á Xunta que se poña a traballar de xeito coordinado contra a marea de plástico

1 minutes read

A portavoz nacional e candidata do BNG nas próximas eleccións, Ana Pontón, emprazou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a aparcar os seus “intereses partidistas” e exixiulle unha “resposta á altura das circunstancias”, deixando a un lado o “pim pam pum” que mantén coa Administración do Estado para antepoñer a defensa dos intereses dos galegos e as galegas porque, advertiu, “non é o momento de confrontacións estériles e inútiles”. Pontón aproveitou a súa visita a Corrubedo para demandar de novo a Alfonso Rueda que acuda con urxencia ao Parlamento a explicar a xestión do seu goberno nesta crise e dea conta de que medios vai poñer en marcha para a limpeza das praias. Ademais, reclamou tamén ao Goberno galego que faga público o informe do que se valeu a vicepresidenta segunda, Ángeles Vázquez, para asegurar que os gránulos que están chegando á costa do País non son tóxicos nin contaminantes.