A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, logrou case o cen por cento dos apoios das case 3.000 persoas que participaron nas asembleas comarcais. Polo tanto, foi proclamada formalmente candidata á Presidencia da Xunta para as vindeiras eleccións, «convóquense cando se convoquen», unha cita á que acode coa convicción de que está «máis preparada» ca nunca.
«É o momento do BNG», salientou ante o Consello Nacional, o máximo órgano de decisión entre asembleas que, cun sonoro aplauso, deu por concluído un proceso no que logrou practicamente o cen por cento dos apoios.
Segundo dixo, «o BNG é hoxe a alternativa ao PP» porque «soubo facer as cousas» e «acertou poñendo o foco nos grandes retos do país».
Pontón asegurou que os nacionalistas «non poden nin queren fallar» no obxectivo de «deixar atrás o desastre do PP, que está en tempo de desconto e pensa que o pode frear con cheques».
Na súa intervención, a portavoz nacional aproveitou a celebración do 25N para adquirir un compromiso con todas as mulleres en materia de loita contra a violencia machista: darlle a Galiza un goberno feminista.
“O meu compromiso é ser a presidenta da igualdade e do avance dos dereitos das mulleres, porque quero unha Galiza na que todas nos sintamos libres e iguais. E xa avanzo que destinarei o 1% do orzamento a loitar contra a violencia machista, porque as galegas merecen moito máis que minutos de silencio ou lazos lila, merecen unha presidenta que traballe polos seus dereitos e liberdades. Ese é o meu compromiso con todas elas”, concluíu.