Ana Pontón foi proclamada formalmente candidata á Presidencia da Xunta

1 minutes read

A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, logrou case o cen por cento dos apoios das case 3.000 persoas que participaron nas asembleas comarcais. Polo tanto, foi proclamada formalmente candidata á Presidencia da Xunta para as vindeiras eleccións, “convóquense cando se convoquen”, unha cita á que acode coa convicción de que está “máis preparada” ca nunca.

“É o momento do BNG”, salientou ante o Consello Nacional, o máximo órgano de decisión entre asembleas que, cun sonoro aplauso, deu por concluído un proceso no que logrou practicamente o cen por cento dos apoios.  

Segundo dixo, “o BNG é hoxe a alternativa ao PP” porque “soubo facer as cousas” e “acertou poñendo o foco nos grandes retos do país”.

Pontón asegurou que os nacionalistas “non poden nin queren fallar” no obxectivo de “deixar atrás o desastre do PP, que está en tempo de desconto e pensa que o pode frear con cheques”.

Na súa intervención, a portavoz nacional aproveitou a celebración do 25N para adquirir un compromiso con todas as mulleres en materia de loita contra a violencia machista: darlle a Galiza un goberno feminista.

“O meu compromiso é ser a presidenta da igualdade e do avance dos dereitos das mulleres, porque quero unha Galiza na que todas nos sintamos libres e iguais. E xa avanzo que destinarei o 1% do orzamento a loitar contra a violencia machista, porque as galegas merecen moito máis que minutos de silencio ou lazos lila, merecen unha presidenta que traballe polos seus dereitos e liberdades. Ese é o meu compromiso con todas elas”, concluíu.