Ana Pontón, aproveitou a homenaxe do BNG a Castelao na súa Rianxo natal para destacar a plena actualidade do legado dunha das personalidades políticas que máis ten contribuído á defensa de Galicia como nación.
En plena sexta onda e cos contaxios en récord diario, cunha atención primaria e un persoal sanitario desbordado, Pontón foi moi crítica coa posición dun Goberno de Feijóo que, en plena pandemia, reduce o orzamento en atención primaria, o que roza “a prevaricación”. “Xa nin disimulan a súa incapacidade e ante o colapso da sanidade non reforzan con máis medios e recursos, pídenlle a cidadanía que se auto diagnostique. Que será o seguinte, facernos na casa as analíticas?”, interpelou tras denunciar o empeño en “desmantelar” a sanidade pública para favorecer á privada, “como fai o PP, pero terán ao BNG en fronte porque é un atentado contra a saúde da cidadanía”.
A líder nacionalista concluíu a súa intervención convidando a traballar co obxectivo de abrir un tempo novo en Galicia cun BNG liderando o Goberno do País.