Ana Pontón pídelle a Feijóo que poña a saúde por riba da economía

1 minutes read
  • Pontón criticou a “covardía política” dun Feijóo que lle demanda á cidadanía o que el non se atreve a facer.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, insiste na urxencia dun confinamento de dúas semanas, ampliables, por ser a medida máis eficaz para cortar a dramática cadea de contaxios, co que iso implica de vítimas mortais, persoas infectadas, hospitalizadas e en UCIs. Nun contexto no que a expansión do virus está descontrolada, con datos incluso peores que na primeira onda. Para a portavoz do Bloque o xefe do Executivo segue a poñer a economía por riba da saúde, como fixo coa “nefasta” estratexia de “salvar o Nadal” que terminou cunha terceira onda convertida nun tsunami que avanza a un ritmo de 1.400 contaxios diarios e afonda na ruína de sectores enteiros. Pontón reiterou toda a colaboración do BNG para sacar o país desta crise canto antes e puxo sobre a mesa propostas concretas, ao lado do confinamento, como reorientar os orzamentos ou impulsar un novo modelo de residencias.