Ana Pontón propón unha Axenda Urbana baseada no modelo Pontevedra

1 minutes read

Ana Pontón quixo aproveitar o Día Mundial do Medio Ambiente para facer «unha reflexión de futuro nun momento no que temos unha emerxencia ecolóxica, unha crise ambiental e unha crise sanitaria que está poñendo o foco sobre a necesidade de modelos urbanos que sexan sostibles, e que aposten pola cohesión social e pola sustentabilidade desde o punto de vista económico».

A líder nacionalista visitou a cidade do Lérez para felicitar «a todos os pontevedreses e pontevedresas e ao equipo de goberno do BNG» polo traballo colectivo a prol dun modelo urbano respectuoso co equilibrio ambiental e que vén de acadar un novo premio internacional concedido pola Comisión Europea. «Se hai unha referencia de cambio transformador desde o punto de vista ecolóxico nas cidades galegas, esa é Pontevedra» asegurou Pontón, ao tempo que lembrou que «é un exemplo internacional na aposta por un cambio de modelo de cidade, que pon as persoas no centro, que aposta pola sustentabilidade e por espazos públicos máis amables a unha escala humana».